Sunday 05 de May de 2024

COMUNICADO DE PRENSA AO RESPECTO DA CALIDADE DOS SERVIZOS SOCIAIS NO CONCELLO DE SAN SADURNIÑO E SOBRE A OBTENCIÓN DE INFORMACIÓN POR PARTE DO PP SOBRE DATOS ASISTENCIAIS


Ante os comentarios vertidos no último Pleno e posteriormente en diferentes medios de comunicación polo Portavoz do PP de San Sadurniño, cómpre informar sobre a realidade actual dos servizos de atención á Dependencia e de Axuda no Fogar e o contexto no que se move, e desmontar deste modo as acusacións de “falta de xestión” e “mal uso das axudas da Xunta”. Deste xeito é preciso facer unha serie de aclaracións:
O Concello de San Sadurniño presta os seus servizos de dependencia e Axuda no Fogar dun xeito directo: conta cun cadro de 18 auxiliares de SAF ( 12 a 30 horas e 6 a 25 horas), cunha traballadora social, unha educadora familiar e unha auxiliar administrativa a tempo completo para o servizo. O orzamento para levar a cabo a prestación destes servizos supera os 500.000 €, rondando o 20% do orzamento total do concello para 2017, o que converte a este concello como o que máis recursos económicos por habitante dedica a este servizo dentro da nosa comarca ( comparación sacada dos datos das liquidacións orzamentarias de 2015 e orzamentos iniciais de 2016 publicados na web do Ministerio de Facenda).
É certo que no pasado mes de maio a Xunta puxo a disposición dos concellos de Galiza unha cantidade adicional de fondos económicos para poder prestar máis horas das que ata ese momento estaba financiando. O problema ven dado porque a grande maioría dos concellos está renunciando á prestación desas horas adicionais pola imposibilidade de cofinanciar con fondos propios os recursos que dá a Xunta. É dicir, no caso de San Sadurniño, o Concello ten un programa inicial de case 525.000 €, onde o que se solicita á Xunta son uns 245.000 € e o resto é financiado polos usuarios ( uns 50.000 €) e polo Concello con fondos propios ( uns 230.000 €).
Si asumimos como certos os datos de horas adicionais ofrecidos por Manuel Romero, atopámonos con que aquí é onde entra a grande mentira do Portavoz do PP: NON É VERDADE que ao Concello lle supoña un máximo de 2,70 € por hora e usuario as horas adicionais; o custe das horas prestadas neste servizo, supoñen, para o concello, no seu cómputo total, máis de 18 € hora, polo que o cofinanciamento de todas esas horas sería próximo tamén aos 9 € ( ou sexa, uns 7.200 €/mes, máis de 43.000 € máis por esas horas adicionais nos 6 meses), cuestión imposíbel de asumir para o noso concello. O Portavoz do PP utiliza deliberadamente o prezo de referencia na ordenanza ( 12,40 €) para estipular o copagamento dos usuarios, que para nada coincide co prezo real do custe do servizo por hora. O Portavoz do PP semella ter nas súas mans todos os datos: contratos do persoal que presta o servizo e o nº de horas que se prestan anuais unha vez descontados todos os permisos laborais e baixas deste persoal, polo que non entendemos que sexa capaz de xogar coas cifras dun xeito tan frívolo para utilizalas nun tema tan delicado como este, para introducilo no xogo político con ansias de sacar réditos do mesmo.
Dende fai xa anos hai lista de espera na prestación deste servizo ( como no resto dos concellos), pero esta nunca superou os 40 usuarios nos últimos 6 meses, polo que o Portavoz do PP volve A FALTAR Á VERDADE neste extremo. Na actualidade hai 37 usuarios en lista de espera e ningún ten grado 3 de Dependencia ( o máximo grado de afección e que na actualidade están todos atendidos). Dende a área de servizos sociais continuase traballando para poder poñer o máximo de recursos que necesaria e legalmente se podan aplicar, tomando medidas de maior eficacia e eficiencia na prestación e cumprindo con todos os preceptos legais que marca a normativa na materia, tanto nos procedementos e na calidade da prestación coma nas relacións laborais do concello cos seus traballadores.
Somos conscientes que o noso concello ten unha media de idade avanzada dabondo e onde brotan moitos máis casos de situacións de dependencia dos que sería desexábel, algúns deles demasiado extremos, e nunca estaremos satisfeitos ata reducir esa lista de espera ata a mínima expresión
Tamén é falso argumentar que coas horas adicionais que dito portavoz dí que ofertou a Xunta a lista de espera baixaría a cero ( non é posíbel con 833 horas atender a 44 usuarios, como manifesta o Portavoz do PP) Non se pode frivolizar deste xeito cos números sen coñecer a realidade de en que consiste esta prestación. As afirmacións de Manuel Romero non axudan para nada a prestar un servizo público e de calidade como o que se presta no noso concello.
Dito todo o anterior, tamén queremos poñer o acento sobre unha cuestión que desde o BNG nos parece sumamente grave: ¿de onde sacou o portavoz do PP os datos?
Sería conveniente que Manuel Romero Castrilón informara á veciñanza e aos grupos da corporación (incluído o de goberno) como obtivo os datos de horas e listas de espera que el trasladou no Pleno ou nas correspondentes notas de prensa, unha vez que estamos a falar de información que non é de consulta pública e á que nin tan sequera un cargo público pode acceder sen utilizar as fórmulas legalmente establecidas. O goberno local do BNG non ten constancia de que o portavoz solicitase formalmente tales datos ou que os obtivese por vías lícitas. Se non informa ao respecto temos que pensar que os datos que utiliza ou son inventados ou se obtiveron de forma fraudulenta xa que os mesmos son de acceso privativo só para os técnicos con claves de acceso e os responsables políticos de área que sexan informados ao respecto.